Departamento Lingua Galega, EDLG e Biblioteca.

martes, 5 de abril de 2016

HELENA VILLAR e XESÚS RÁBADE

O pasado venres contamos cunha visita moi especial de dous escritores galegos: Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes. Cando recibimos a súa mensaxe dicindo que ían vir ao centro, puxémonos moi contentos, xa que o día da inauguración da nosa Alameda Literaria das Árbores Celtas non puideron vir por motivos persoais, pero á vez estabamos que nos tirabamos dos pelos porque non tiñamos nada preparado! Tras darlle algunhas voltiñas, decidimos prepararlles un paseo pola alameda e unha entrevista "rapidiña" para conversar con eles un anaco.
A Helena e a Xesús encantoulles o percorrido pola alameda, e detivéronse nas súas árbores para sacar unha foto con elas e con nós. Mentres paseabamos comentámolles a nosa actual argallada, a antoloxía poética das árbores celtas, e explicámoslles cales eran as árbores que nos estaban dando algún problemiña porque non eramos quen de atopar poemas na nosa literatura que falasen delas. Helena, moi amable, botounos unha man, e díxonos que nalgún libro seu, como A praia dos lagartos, atopariamos algunha árbore, xa que era un tema sobre o que lle gustaba moito escribir.
Pero Helena e Xesús non viñan coas mans baleiras! A cambio do noso paseo, trouxéronnos algúns dos seus libros que incorporaremos a nosa biblioteca (como se xa fose pouco que nos agasallasen coa súa compañía!)


Helena ao lado da súa "abraira" e do seu "olmo".

Cando voltamos á biblioteca, Andrea e Alba (eu) puxémonos coa entrevista, encantadas de escoitar as palabras destas dúas voces poéticas tan importantes. Xunto a elas estaban unha parte dos alumnos de 4º e 1º da ESO. Ademais acudiron Carlota e Celia, argalleiras do outro centro, que non quixeron perder a oportunidade de coñecelos e escoitalos, xa que non o puideran facer o día da inauguración da alameda. Durante a entrevista todos nos decatamos de que eran dúas persoas con moita experiencia na vida, e de que tiñan unha complicidade incrible!
Para rematar, Andrea e eu fixémoslles entrega duns pequenos agasallos: unhas insignias co logo do noso centro. Agradeceron moito o noso detalle, mesmo Xesús xa o levaba no xersei!
Aquí vos deixamos unha foto do paseo pola alameda e da entrevista, así coma do vídeo da nosa parte da entrevista favorita, para que vos poidades facer unha idea do especial que foi este día para nós.


Se queredes escoitar a entrevista completa, pinchade aquí e poderedes gozar das palabras da abraira, Helena, e do olmo, Xesús.



Alba e Andrea coa entrevista.



No hay comentarios:

Publicar un comentario