Departamento Lingua Galega, EDLG e Biblioteca.

miércoles, 30 de marzo de 2016

OLIVEIRA



OLIVEIRA
OLEA EUROPAEA

23 setembro

 A nosa oliveira está dedicada a
CELESTINO FERNÁNDEZ DE LA VEGA.



“ESTRUCTURA E SENSO DO HUMOR.  Humor e filosofía”

Volvendo ó noso problema do humor, resulta que a ironía do humorista consiste nunha especie de desdobramento da personalidade, nunha visión simultánea de cousas distintas que permite establecer sutiles relatos e contrastes entre as cousas que, ás veces, parecían moi alonxadas. O senso desas relacións e contrastes é una teima por non se dar por vencido do humorista: o humorista non quere traxedias nin quere rir sen máis nin máis, a tontas e a loucas; cando a tristura ou a dor son moi fortes o seu esforzo é máximo e o humor vólvese sarcástico; cando o que hai que evitar é a proclividade ó riso e á comicidade o humorista extrema a súa benevolencia, esfórzase en buscar circunstancias atenuantes do ridículo, chega a se facer cómplice secreto do personaxe ou a situación fustigados polo látigo do riso: mais o seu esforzo ten límites cando a traxedia é inevitable: ou ridiculez insalvable, “inxustificable”, entón o humorista dáse por vencido: tamén el se entrega ó riso ou ó pranto.


Celestino Fernández de la Vega, O segredo do humor







Podedes visionar o vídeo no que a argalleira das letras, Ariana pon voz a un dos textos do autor.


PIÑEIRO


PIÑEIRO
PINUS PINASTER

19-28 febreiro  /   24 agosto- 2 setembro


O noso piñeiro está dedicado a
ROSALÍA DE CASTRO


“¡Silencio!”

A man nerviosa e palpitante o seo,
as niebras nos meus ollos condensadas,
con un mundo de dudas nos sentidos
i un mundo de tormentos nas entrañas,
sentindo cómo loitan
en sin igual batalla
inmortales deseios que atormentan
e rencores que matan,
mollo na propia sangre a dura pruma
rompendo a vena hinchada,
i escribo escribo ¿para qué? ¡Volvede
ó máis fondo da ¡alma,
tempestosas imaxes!
¡Ide a morar cas mortas relembranzas!
¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras, e palabras!
Da idea a forma inmaculada e pura
¿dónde quedóu velada?

                                                                                Rosalía de Castro, Follas Novas, “Vaguedás”



O poema elixido foi " Silencio", ao que puxo voz a argalleira das letras, Carlota, e música, Candela.

SORBEIRA

                        
                              SORBEIRA
                                               SORBUS DOMESTICA

1-10 abril  /  4-13 outubro



FRANCISCO CASTRO 
foi o autor elixido por tod@s @s argalleiros das letras para a súa sorbeira. 

                                                                                             “Esta lingua non quere vivir na favela”

Esta lingua non quere vivir na favela
porque é lingua lume, lanterna e faro
que nos mantén vivos no ceo, dende o tempo dos avós.
Esta lingua non quere ser suburbio
porque ten unha historia inmensa de séculos luminosos
na parte de atrás
incluso
no sotaque inevitable dos corazóns resentidos que odian á nosa tribo.
Esta lingua non quere habitar nunha cidade estraña
porque está feita a man cos alicerces mansos da xente boa
na que aniñou humilde cando era o tempo dos lobos
as mesmas feras que agora volven
famentas de vinganza
dende o máis escuro das súas escuras covas.
Esta lingua quere ser música
acubillo, calma mol, circunstancia feliz.
Poderedes metela na favela
condeala ao suburbio
obrigala a residir nunha cidade estraña.
Tanto ten.
 Ela foi.
 Ela é.
 Ela será.

Francisco Castro, “Esta lingua non quere vivir na favela”



Artur e Xairo puxeron música e Carmen -axudada polo autor- puxo voz ao poema " Esta lingua non quere vivir na favela". 

CARBALLO


CARBALLO
QUERCUS ROBUR


21 marzo

O carballo decidimos dedicarllo a
MIRO VILLAR.





“QUINÓN”

As nubes da incerteza ferintes coma o sol,

sempre sodes Ulises, hai sempre unha Penélope

que agarda con tecidos. E Ítaca está distante

mesmo que fose a penas unha marea de horas,

e Ítaca está distante mesmo que sempre volvas.


Miro Villar, Mar de rostros. Gameleiros







Sofía e Elvira puxeron a música e Carmen a voz ao poema "Quinón" incluído en Mar de rostros. Gameleiros. 


CASTIÑEIRO

CASTIÑEIRO
CASTANEA SATIVA

15- 24 maio / 12- 21 novembro

O noso castiñeiro está dedicado a
TUCHO CALVO.
Grazas por acompañarnos.


 [...]
De alguén e de algures sen concreción, naceu a orde temida. Fixouse o día do regreso e da concentración de tódolos exiliados ás aforas da cidade. E como se fose o mandado de todos, non tardou en comezar unha peregrinación de volta nin máis doada nin leda que a que os afastara das súas casas.
O asalto sería tres días despois. Pero as autoridades, diante dunha multitude de centos de miles de persoas, non tiñan argumentos para facelas mudar de idea nin tampouco medios para disolver pola forza a concentración sen facer unha masacre.
-Só desistiremos se nos dan en man a chave dunha vivenda digna e medios para vivir. Non quero promesas para dentro de dous días nin dunha semana, berraba unha muller resumindo o que pensaba a maioría.
[...]
Tucho Calvo, Telúrico







Deixámosvos co vídeo no que as argalleiras das letras Elvira e Sofía - poñen música- e Sara 
Cerezuela - voz.- interpretan o texto sacado de Telúrico, acompañadas polo autor.


OLMO

OLMO
ULMUS

12-24 xaneiro   /   15-25 xullo

O olmo está dedicado a
UXÍO NOVONEYRA.





COUSOS do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d’ir!

O lobo! Os ollos o lombo do lobo!

Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca da vagoada máis sola e máis medosa...

Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca.
Uxío Novoneyra, Os eidos

Elvira e Sofía puxeron música, e Borja  voz ao poema "Cousos do lobo" de Os Eidos. 




PRADAIRO



PRADAIRO
ACER PSEUDOPLATANUS

11-20 abril  / 14-23 outubro

O noso pradairo está dedicado a
MARIA LADO




cuqui é pequeno de máis para ser un osiño de peluxe

e cáelle o naris
por iso non lle gusta ir á lavadora
nin que mamá o colgue a secar polas orellas
ademáis
bótame de menos durante o centrifugado
          e eu a el                       ¿e se lle doe?
         as orellas          ¿e se lle doen as orellas das pinzas?
         ou estar só tanto tempo na trandeira

e eu a el     sobre todo hoxe que é luns e ti estás tan lonxe
así que o meto húmido debaixo das sabas
e apértoo
para que non chore máis que eu sexa xa grande
que me gusta porque sei que me quere pequeno
como só poden querer os osiños os nenos
que lle perdoan ata a dor das pinzas
como sei que ti e eu nos queremos

María Lado,  casa atlántica casa cabaret






Aquí vos deixamos co argalleiro das letras, Álvaro -á guitarra- e coa argalleira, Carmen - voz- para que gocedes do poema " Cuqui".

FIGUEIRA

FIGUEIRA
FICUS CARICA

14-23 xuño / 12-21 decembro

A figueira está dedicada a
LINO BRAXE.


A PATERA”
Ela cruzou o estreito
nunha triste patera.
Ela pagara a pasaxe
para fuxir da area.
Do deserto maldito.
Esquecer a miseria.
Procurar un destino
onde rompe a marea.

Evocar a súa tribu
nas noites eternas.

Ser león e ser cebra.
Ser lúa e ser terra.

Esperar ese fillo
que no ventre lle medra
e danzar nas tabernas
imitando as gacelas.

    E soaron disparos...
  E volcou a patera.
                                                                                                        Lino Braxe, A caricia da serpe

Artur puxo a música e Xan a voz oa poema " A patera" incluído na obra A caricia da serpe.


FREIXO

FREIXO
FRAXINUS EXCELSIOR

25 maio- 3 xuño / 22 novembro- 1 decembro

O freixo está dedicado a
RAMÓN CABANILLAS.

RAMÓN CABANILLAS


Encomenda”

A ti, miña muller, arca pechada
que no seu fondo garimoso encerra
o que me queda santo sobre a terra,
van estes versos de visión dourada.

Eles diranche que, ó través da vida,
sempre, sempre miña alma soñadora
pideulle a Dios que na postreira hora
cerre os meus ollos esa man querida.

E neles vai, paxaro cara ó niño,
agardando que o colla con cariño,
este meu rogo que a visión compreta:

Quero na lousa que me dé sosego
esta palabra que ten luz: "Gallego"
e esta palabra que ten ás: "Poeta".
Ramón Cabanillas, Vento mareiro


Sofía e Elvira ( música) e Daniel ( voz) interpretaron o poema " Encomenda" de Vento mareiro.


BIDUEIRO

BIDUEIRA
BETULA ALBA


24 xuño

Aquí está a árbore dos Argalleiros e argalleiras das letras. O destino quixo que non foramos quen de atopar un escritor ou escritora que nacera o 24 de xuño, pois que mellor que dedicárnola a nós que pasamos a vida escribindo e argallando!


























Sara e Xairo puxeron música ao poema "Soñando"- froito da actividade do Día do Libro- e Carlota, Andrea M. Alba R. e Lucía a voz as palabras de tod@s @s argalleir@s das letras.


AMIEIRO

AMIEIRO
 ALNUS GLUTINOSA


4- 13 xuño  /   2-11 decembro

O amieiro está dedicado a
MARÍA MARIÑO. 




Tiven medo de bogar,
tiven medo de auga crara.
Anque fora cuns bos remos
anque fora na mar calma,
¡non bogaba!, ¡non bogaba!

O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.

María Mariño, Palabra no tempo











Xairo puxo música e Andrea Montero voz ao poema "Tiven medo de bogar" incluído en Palabra no tempo. 


viernes, 18 de marzo de 2016

Reciclaxe de papel

Os alumnos do IES Castro da Uz escoitáramos falar da reciclaxe de papel, pero non sabiamos como funcionaba. Para aprendelo puxemos en marcha  o noso obradoiro de reciclaxe, no que os alumn@s de 1º, 2º e 4º da ESO preparamos vinte e unha follas de papel reciclado, coa colaboración dos nosos compañeiros de 3º da ESO (Antonio, Anxo, Manuel e Fran), que elaboraron os bastidores. Os nosos profesor@s (Cristina, Elena, Santiago e Chelo) ensináronnos os pasos que tiñamos que seguir. De entrada parecían sinxelos, pero axiña nos demos conta de que ese traballo era realmente complicado! Ninguén conseguía coller a cantidade exacta de papel triturado para conseguir o grosor axeitado, agás Juan Bellas, que logrou a folla máis delgadiña e máis bonita de todas. Pouco a pouco fomos colléndolle a mecánica, e todo marchaba ben, ata que Santiago deu uns pasiños cara a atrás e pisou dúas das follas que tiñamos a secar! Tras moito esforzo (e tras os numerosos intentos fracasados dalgúns dos nosos compañeir@s), logramos facer as vinte e unha folliñas de papel reciclado. Unhas saíron mellor, outras saíron peor, pero en cada unha delas puxemos todo o noso esforzo e dedicación. Estas follas irán dedicadas ás nosas vinte e unha árbores celtas. Todos os Argalleiros e Argalleiras das letras estamos concienciad@s da importancia da reciclaxe e de coidar o medio ambiente, e esperamos que vós tamén o coidedes e cumprades, coma nós, a regla dos tres R: reducir, reutilizar e reciclar.
Obra de Manuel, Anxo, Fran e Antonio

Despois de tanto bater, así quedou a masa


                                                                       Unha mostra dos nosos papeis


E quedamos así de cansos