Departamento Lingua Galega, EDLG e Biblioteca.

viernes, 5 de febrero de 2016

Árbores senlleiras de Galicia

O luns día 1 de febreiro veunos visitar ao centro Antonio Rigueiro Rodríguez para falarnos das árbores senlleiras de Galicia. 
Comezou preguntándonos o que pensabamos nós que era unha árbore senlleira. Logo soubemos que son árbores importantes, "monumentais", por diferentes causas: dimensións, tamaño, idade, cultura... e que son árbores que levan con nós moito tempo e que hai que preservar, como a todas. Para axudar á súa conservación comentounos que a Xunta de Galicia, no ano 2001, publicara a lei de conservación da natureza e no 2007 o Parlamento de Galicia  aprobou un decreto para catalogalas. Explicounos os diferentes criterios para facelo. Hai que ter en conta a morfoloxía, dendiometría ( medida da árbore), idade, produtividade, singularidade (foráneas ou autóctonas), valor histórico e cultural ( a "figueiriña" que prantou Rosalía e aínda podemos ver se nos achegamos á  casa da Matanza), valor científico (os castiñeiros asiáticos axudaron a mellorar a especie autóctona e eliminar pragas que os afectaban) e outros factores. 
Agora xa sabemos o xeito de catalogalas e aquí vos deixamos un enlace para que as coñezades. 
Antonio seguía contándonos cousas e  sorprendeunos cando nos dixo que había  máis árbores foráneas catalogadas que autóctonas, pero tamén coñecemos o motivo. Teñen en conta os xardíns públicos e privados, os parques... e, claro está, xa sabemos todos e todas o que pasa. 
O importante da charla foi que Antonio ía nomeando árbores que pertencen á familia ou especie das que temos na nosa alameda. Aí estaba o castiñeiro, o carballo, o pradairo, o ciprés, a oliveira, a figueira, o cedro, a sobreira ( e nos pensabamos que pasado o tempo algunha estaría dentro do catálogo das árbores senlleiras). Tamén nomeou outras: o eucalipto, a camelia, o teixo, a magnolia... 
Para rematar contounos a historia de Víctor Corral, un artesán de Baamonde que, cando querían ampliar a nacional VI, a estrada que vai de Coruña a Madrid,  se encerrou no oco do tronco do castiñeiro que querían cortar, e así impediu ese desastre. Logo, como premio esculpiu unha imaxe no seu interior. 
Isto foi o que nos aportou a charla de Antonio Rigueiro. Dende aquí querémoslle agradecer a súa visita e nós sentímonos  orgullos@s porque día a día imos aprendendo a coidar a natureza e ás nosas árbores celtas, que un día chegarán a estar no catálogo de árbores senlleiras de Galicia. 




No hay comentarios:

Publicar un comentario