Departamento Lingua Galega, EDLG e Biblioteca.
Mostrando entradas con la etiqueta Actualidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Actualidade. Mostrar todas las entradas

domingo, 6 de mayo de 2018

NON MÁIS LUMES!

Dende o mes de outubro, e por culpa da vaga de lumes que asolou Galicia, estamos, aínda máis,  implicad@s de cheo no obxectivo de conseguir que non se volva producir unha catástrofe coma a vivida, xa que somos conscientes do necesario que é preservar o que temos, o que nos veu dado: A NATUREZA.
Dende o mes de novembro puxémonos en contacto cos responsables dunha das zonas máis devastadas polos lumes e menos coñecida e tratada nos medios de comunicación: a provincia de Ourense e, máis concretamente, o Parque Natural da Baixa Limia na Serra de Xurés.  Foron meses de espera ata que  responderon a nosa petición, na que nos brindabamos a  axudar a recuperar o monte queimado, porque queriamos sentirnos útiles amosando a nosa solidariedade e o noso respecto polo medio ambiente en primeira persoa. 

Logo de falar co responsable da Consellería de Medio Ambiente que nos facilitou o contacto cunha persoa que traballa no Parque Natural do Xurés, decidimos a data de saída: 2 e 3 de marzo. Non sei se lembrades esa fin de semana, nós si. Lóstregos, tronos, vento, chuvia e frío foron os nosos compañeiros de viaxe,  pero non nos importou, xa que que as nosas forzas eran moitas e puidemos con todo e con todos os fenómenos meteorolóxicos.
Unha mostra do tempo que nos acompañou. Vendo os Miliarios co noso guía Alberto. 
Ceando no albergue de Muíños.
Tod@s preparad@s para axudar a recuperar os montes de Salgueiro.
Queremos agradecer a paciencia e o bo facer de Alberto, o noso guía, por todo o que nos ensinou e nos guiou no traballo de recuperación da parte do monte que tiñamos asignada.
Aquí vos deixamos coa noticia que recolleu o xornal El Progreso da nosa experiencia.

Agora deixámosvos co vídeo que realizaron as nosas compañeiras e no que podedes ver todo o que aprendimos e o " pouco" que axudamos.



miércoles, 18 de abril de 2018

Exemplo de almorzo saudable


EXEMPLO DUN ALMORZO SALUDABLE:

-Un vaso de leite semidesnatado                              - Unha rebanda de pavo
-Unha rebanda de queixo tenro                                - Unha rebanda de pan de molde

• Un vaso de leite semidesnatado: (por 100g)

Enerxía (Kcal) – 47,60                                                         Colesterol (mg) – 6,30
Proteínas (g) - 3,50                                                               Auga (g) -  90,10
Hidratos de carbono (g) – 4,80                                              Calcio (mg) – 125
Graxa total (g) -  1,60                                                           Iodo (mg) – 8,60
Sodio (mg) – 47                                                                    Magnesio (mg) -  11,90
Fósforo (mg) – 17                                                                 Potasio (mg) – 155
Carotenoides (µg) – 7,80                                                      Ácido fólico (µg) – 2,70                         
• Unha rebanda de pavo:(10g por rebanda)

Calorías - 8kcal
Graxa – 0,08 g
Carbohidratos – 0,13 g
Proteínas – 1,79 g

• Unha rebanda de queixo tenro: (20g por rebanda)

Enerxía (Kcal) – 65,40                                                  Calcio (mg) – 129,40
Proteínas (g) – 5,03                                                       Ferro (mg) - 0,18
Hidratos de carbono (g) – 0,44                                     Iodo (mg) – 0,98
Graxa total (g) – 4,84                                                   Magnesio (mg) – 6,02
Colesterol (mg) – 16,98                                                Potasio (mg) – 25,60
Auga (g) – 8,44                                                            Sodio (mg) – 160

• Unha rebanda de pan de molde: (por 40g)

Calorías (Kcal) – 72            Azucre (g) – 0,5         Sodio (mg) – 146          Fibra(g) – 0,8 
Proteínas (g) – 2,7             Graxa (g) – 0,8              Carbohidratos (g) – 13,2                                   

Inés Fontao Pena e Paula Dorribo Cabarcos, 2ºESO, HVS

domingo, 15 de abril de 2018

PLANTACIÓN E TALLER DAS 21 PLANTAS CELTAS

O día 6 de abril foi a data elixida para o taller de plantas que impartiu Camino Pérez Martín ( farmacéutica e experta nesta materia). 
Meses antes contactamos con ela e achegámoslle o libro escrito por nós, no que aparecen as plantas elixidas para que lles fagan compañía ás árbores celtas na nosa Alameda Literaria. (Lembrámosvolas: aceda, allo, campánula, coandro, filipéndula, hedra, hisopo, margarida, mentraste, mexacán, ortiga, perexil, queiroa, ruda, saíncho, salvia, valeriana, verbena, violeta e visgo.) Non dubidou un segundo en aceptar a nosa proposta e acompañarnos para contarnos máis "segredos" destas plantas. 
Tiñamos que prepar todo para ese día. O tempo non nos axudaba ( chuvia...) e houbo que argallar moito.  Tod@s na procura das plantas! O tempo retrasara a súa floración e..., ulas? 
Como argalleir@s que somos conseguimos inmiscir a tod@s na súa busca  e o centro foi enchéndose de plantas traídas por profes e por Ana ( a nosa administrativa). Grazas por axudarnos a conseguir o que conseguimos!
Agora había que argallar onde  e como. Ningún problema. Compramos unha xardineira e, seguindo os consellos de Soto, montámola para poñer as plantas que compraramos. 

Aquí a vedes coa terra xa en cada banzo
Removendo a terra para comezar a plantación
Plantando e identificando
Sempre con moito coidado
A xardineira non parece a mesma, non si? Aínda nos falta continuar coa identificación ( perdemos as tarxetas) e plantar as que non demos conseguido ( hisopo e visgo). 


Coas plantas que nos foron achegando todas as persoas que nos axudaron decidimos facer un pequeno xardín , delimitado con madeira,  na Alameda Literaria. 
Comezando a tarefa
Continuando
O terreo estaba moi duro e non tiñamos os apeiros necesarios, pero fixemos o que puidemos. O importante é que as plantas que nos trouxeron seguen medrando neste lugar ( pronto será o xardín -cadrado e delimitado- do que vos falabamos) da alameda literaria acompañando as nosas árbores celtas. NON O DUBIDEDES. 


Como vedes a aceda, a ortiga, o mexacán, o saíncho, a violeta e a margarida silvestre, o mentraste, a filipéndula... xa están con nós e con elas. 
Chegaba a data do taller e había que argallar todo. 

Cociña ( grazas, Soto), potas e outro material
Parte dos ingredientes que iamos utilizar
Todo listo para que Sara e Sabela ( responsables das ilustracións do libro e participantes na elaboración dos textos) presentaran a Camino, a farmacéutica que nos ía impartir o taller.
Algo nerviosas todas
Estes foron os agasallos que lle tiñamos preparados.


E así os recibiu Camino.
Temos que dicir que a dedicatoria personalizada que lle fixeramos do noso libro ía acompañada pola ilustración da argalleira, Cristina Souto.


Chegou a hora de comezar o taller e Camino ensinounos moitas cousas sobre as plantas. Lembrounos a necesidade de preservar o medio ambiente, de coidar o noso. Amosounos como se fan as infusións, emplastos, xaropes... Se queredes saber como foi o taller, non deixedes de ver a seguinte presentación. 


Taller. as 21 plantas celtas. impartido por camino perez martin from radiorasca

Achegámosvos as palabras de Camino Pérez Martín ao finalizar o taller:

“Hai un principio que se estuda en física que di que os sistemas tenden ó equilibrio (a terra considérase un sistema) e que cando algo despraza o equilibrio cara a un lado, o propio sistema tende a desprazalo cara ó outro para recobralo. Se somos os seres humanos os principais responsables da extinción de moitas das especies, do aumento da temperatura global, da xeración de residuos non degradables, etc, etc, somos por tanto responsables da ruptura do equilibrio, polo que o xeito de restablecelo podería ser a nosa extinción. Así que... ,se ás veces non te preocupas pola natureza... , preocúpate por ti. CÓIDAA! 

Grazas por ensinarnos tantas cousas e, sobre todo, por aturarnos.

Pronto volveremos co xardín e a plantación que acompaña as árbores celtas da nosa Alameda Literaria. 

AS 21 PLANTAS CELTAS

Este curso tiñamos en mente facer medrar a Alameda Literaria plantando as 21 plantas celtas que acompañasen as nosas árbores e así o fixemos.  
Dende comezo de curso levamos a cabo un duro traballo de investigación na procura destas plantas. Unha vez recompilada a información tivemos que elixir as 21, debuxalas e pensar no mellor xeito de dálas  a coñecer a todos e a todas, que sería, unha vez máis, publicar un novo libro, acompañado dunha guía.
Nesta ocasión,  @s argalleir@s das letras que levamos o peso do traballo fomos os matriculados en 3ºESO: Sara Basoa, Xoel Carballeira, Silvia Casás, Javier Fernández, David Hernández, Jessica Leira, Aldara Pérez e Sabela Rodríguez. As ilustracións levaban moito tempo e por iso, Sabela e Sara non dubidaron en pedir axuda a outr@s argalleir@s para que lles botasen unha man nesta tarefa e aí estiveron Carmela Saborido (2ºESO) e Aroa Blanco, Victoria de Pedro, Diego Purriños e Irene Salvatierra de 1ºESO, que, seguindo as indicacións de Sabela e Sara, conseguiron que rematásemos todos os debuxos. 

Deixámosvos co libro que realizamos e agardamos que non pasedes por alto ningunha páxina, xa que, lembrando a outra actividade na que estamos mergullad@s, as dedicatorias agochan tesouros... 
Por se...  Aquí tedes as nosas dedicatorias :

Para @s argalleiros das letras que comezaron
a Alameda Literaria das 21 árbores celtas.

Para aqueles e aquelas que a continuaron.

Para todas as persoas que lembran as súas orixes
e a súa cultura.

Para os amantes da natureza. 



Aquí está a guía que elaboramos para colocar na Alameda Literaria ao carón das plantas celtas que, pronto, acompañarán as árbores  e medrarán, tal e como estas o fan. 

Agora só queda a parte práctica. Buscar as plantas, pensar onde colocalas... E, o máis importante, facer un taller impartido por unha persoa experta neste tema que nos fale algo máis destas plantas e  nos ensine a facer algún remedio caseiro. Niso estamos. 

martes, 10 de abril de 2018

ALMORZOS SAUDABLES III

ALMORZOS SAUDABLES NO MES DE ABRIL

Neste mes continuamos incorporando novos alimentos ao noso almorzo. Tocaba o tempo dos amorodos e decidimos acompañalos con iogur, sen esquecernos do pan, nesta ocasión tocounos probar o de avea, e do aceite de oliva.
O grupo encargado nesta ocasión tiña máis traballo que de costume, ou mellor dito, un traballo distinto ao dos outros días, pero aí tedes o resultado.
Comezaron dispoñendo os vasos e culleres.


 Lavaron e trocearon os amorodos para ir incorporándoos nos vasos.

Incorporaron o iogur en cada vaso que contiña amorodos.

Aseguráronse de que o iogur estivese en cada vaso cos amorodos para que  tod@s puideramos degustalo. 

Outras argalleiras encargábanse de tostar o pan de avea que tocaba esta vez. 


Zaira, Nerea, Jimena, Aroa, Candela, Victoria e Ada ( 1ºESO) brindando por un traballo ben feito e agardando que o seu almorzo tivese éxito entre @s compañeir@s.

Xa imaxinades que non quedou nada do preparado. 


Agora toca estudar as propiedades dos alimentos inxeridos, coñecer as  súas características, calorías....

domingo, 18 de marzo de 2018

ALMORZOS SAUDABLES II

ALMORZOS SAUDABLES NO MES DE MARZO

Aproveitando a compra feita para a saída, que realizaron @s voluntari@s para axudar a recuperar o monte queimado, a Lobios decidimos cambiar o menú dos almorzos saudables.

Unha semana saboreamos uns sándwichs con queixo e peituga de pavo, acompañados dun vaso de leite. 




Á seguinte acompañámolos de zumes de froitas sen azucre engadido.





Agora estamos investigando nas propiedades de cada alimento inxerido para realizar unha táboa e indicar as calorías que aporta un almorzo así de completo e saudable.

Decidimos ir variando ao longo das semanas, sempre que poidamos, e pensamos que á volta de vacacións estaría ben comezar cuns amorodos regados de iogur natural, que vos parece?


sábado, 23 de diciembre de 2017

ALMORZOS SAUDABLES NO CASTRO DA UZ

Este novo curso,  vari@s profes e alumn@s do centro comezamos cun novo proxecto:  "Aprende a comer e corre 1km diario". Todos os días, no segundo recreo, andamos ou corremos este percorrido. Dependendo do tempo, realizamos este quilómetro pola nosa alameda literaria ( pronto teremos fotos deste paseo, porque as que fixemos, perdémolas!), que son catro voltas; ou ben no pavillón se o tempo non acompaña, oito voltas. 



Ao comezo, para algúns..., esta actividade resultaba custosa, pero pouco a pouco foi converténdose nun hábito diario. Querémoslles dar os parabéns aos nenos de primeiro da ESO por realizar esta actividade sen faltar nunca á cita.
Ademais, todos os luns preparamos (coa supervisión das profes)  por grupos uns almorzos saudables:  zume de laranxa e pan con aceite. E, aínda que non somos  cociñeir@s profesionais,  sáennos moi ricos, xa que non queda nada. Tamén os acompañamos con dúas pezas de froita de temporada.
Preparando todo
Que non se queime o pan
Facendo o zume





Carol, Daniela, Paula, Inés, África e Lucía aproveitamos coa nosa profe Elena o tempo de hábitos saudables e realizamos un estudo dos tipòs de pans que imos degustar nestes almorzos saudables: trigo, centeo, millo, integral e espelta. Xa vedes que ben traballamos os semas de cada un, e que ben os definimos...
Seguiremos infornado á volta das vacacións. 

Sara, Sabela, Silvia, Aldara e Jessica, 3ºESO

martes, 14 de junio de 2016

COLOCAMOS AS PLACAS EN BRAILLE E OS CÓDIGOS QR

Os argalleiros e argalleiras sempre temos algunha idea na nosa cabeciña e desta volta, como seguramente xa sabedes, decidimos mellorar a nosa alameda literaria engadindo a cada unha das nosas árbores unha placa en braille e un código QR. Nas placas en braille aparece o nome científico da árbore, o seu nome popular e a data de nacemento das persoas que naceron baixo a súa proteción (segundo os celtas). Ao escanear o código QR poderedes escoitar o poema que a árbore leva asociado posto na voz dos argalleiros e argalleiras. Queremos agradecer á fundación da Once da Coruña por colaborar con nós e tamén a Fernando, o noso vicedirector, por axudarnos cos códigos. Agora a nosa alameda está máis adaptada a aquelas persoas cegas, que tamén merecen desfrutar das súas árbores e dos seus poemas.
Aquí vos deixamos unhas fotos do día que colocamos as placas:

Colocando un  dos códigos QR.

Colocando unha das placas en braille.

As argalleiras xunto o pradairo e as súas placas.

lunes, 4 de abril de 2016

ARBOLAPP

Hai tempo que descubrimos a ferramenta de arbolapp na web.
Os alumnos e alumnas de 4º da ESO estivemos vendo como funcionaba mediante a aplicación no noso teléfono durante a nosa clase de Lingua Galega. Unha vez que a logramos entender, fixemos unha ruta pola nosa Alameda Literaria das Árbores Celtas, buscando cada unha das nosas árbores nese programa. Descubrimos que todas elas está rexistradas en arbolapp, a excepción do ciprés e o cedro. Gustaríanos que estas dúas fosen introducidas na aplicación, para que así este programa contase coas vinte e unha árbores celtas e nós puidésemos consultar información sobre a nosas queridas árbores.
Atopamos arbolapp un pouco complicado, xa que estivemos un bo anaco tentando descubrir como funcionaba. Aínda así, pareceunos unha ferramenta útil, coa que podemos atopar rapidamente información sobre unha árbore ou descubrir de que árbore se trata no caso de non coñecer o seu nome.
 Grazas a arbolapp cerciorámonos de que todas as árbores da nosa alameda estaban correctamente identificadas, aínda que xa o tiñamos case seguro.
As árbores que non aparecen rexistradas son o ciprés e o cedro. CANTO NOS GUSTARÍA QUE AS ENGADIRAN NA SÚA GUÍA. Ademais, tamén nos gustaría que Arbolapp incorporase o  galego entre as súas linguas, para así poder consultar a información na nosa lingua.
Van unhas imaxes que quitamos co teléfono mentres utilizabamos esta aplicación.





martes, 23 de febrero de 2016

A nosa alameda en braille

Os argalleiros e argalleiras das letras somos persoas moi solidarias (como xa saberedes), e por iso quixemos adaptar a nosa  Alameda Literaria das Árboles Celtas a todas as persoas,  independentemente das súas "posibles limitacións", para que  poidan mergullarse nelas e nos poemas que as acompañan.
Como no noso centro tivemos como compañeiro a unha persoa cega, decidimos comezar por adaptar a alameda para todas as persoas que non podían ver, pero si gozar de todo como facemos nós. Para este traballo pedimos axuda e colaboración á ONCE da Coruña. Puxémonos en contacto e el@s aceptaron encantad@s. Enviámoslles a información que queriamos que transcribisen a braille e, nuns días, chegou ao instituto o traballo feito. Moitas grazas a tod@s, en especial a Maribel Antequera por ser tan amable con nós e por apoiarnos e aconsellarnos no noso proxecto. 
Aquí van unhas fotos do traballo realizado pola ONCE que xa está á disposición de todas as persoas que se acheguen ata a biblioteca do centro para poder gozar plenamente do seu paseo pola alameda literaria. 
Libro enviado pola ONCE que está na biblioteca do centro
Unha mostra dos textos en braille.
Agora a nosa Alameda está adoptada para todo o mundo e,xa sabedes, estades tod@s convidados a vir!
Agardámosvos impacientes.
Aquí estamos @s argalleir@s das letras do club de narrativa, pero tod@s @s argalleir@s das letras queren darvos as grazas. MIL GRAZAS, MARIBEL.